Dom 25 Mar 2007
Nordés espeso todo o fin de semana... o sábado tiña cea ás 20:30 e o resto do día libre. Quedei con Javier Torrón para acercármonos a Montouto, pois a previsión tiña boa pinta para alí, pero as nubes fixeron acto de presenza e aceleraron o vento ata os 9 metros por segundo e cubrindo a parte superior do despegue... así que decidimos voltar, pero a ónde? Javier tiña que ir á Coruña e eu decidín acompañalo e voltar a Ferrol vía Coruña, para probar o despegue de San Pedro. Cando chegamos tiña boa pinta para voar, pero decidimos chamar a Xavier a ver qué nos conta e a ver se alguén de Coruña se vai achegar. Dinos que hai 20 minutos estivo alí Vicente e que hai ventarrón, que nuns intres vai achegarse por alí.
Javier Torrón decide facer campa mentras esperamos e eu tamén saco a vela. Pero non teño paciencia e como me ten moi boa pinta despego... súbese por todas partes e as gaivotas deben estar acostumadas ós parapentistas pois quedan na ladeira acompañándome.
En todo momento teño un ollo no mar, atento a indicios que marquen unha subida do vento. Xa me teñen comentado que alí o vento sube de golpe e case sen aviso.
Unha mancha de vento comeza a formarse no mar no horizonte e decido baixar, meto orellas e... SIGO A SUBIR. Comezo a separarme da ladeira pero sigo subindo así que decido ser un pouco máis expeditivo e busco a fuga... agora sí que baixo pero a costa da velocidade horizontal. Pouco a pouco voume achegando á ladeira e remato por aterrar xunto ós canóns do parque. Poucos intres despois o vento sube de súpeto.
Temos a esperanza de que igual que subiu volte a baixar e mentras falamos con Marcos, que non sabe si vir a voar o sábado ou o domingo... - Para mañá sube o vento - dinos, así que o animamos dicíndolle que temos a esperanza de que alí se poida voar en canto baixe o vento... Mala idea, o vento xa non vai baixar...
Vicente, Xabier e maila noiva, José Luis, Fernando, Marcos e Salva... imos pasando polo despegue, pero o vento non baixa... un rato de cháchara, facer o labirinto do parque, e para casa. Mañá será outro día e quedamos para tantear Cariño, non se esperan nubes e aínda que o vento vai subir, creo que se poderá voar. Xabier dinos que se achegará e Fernando dinos que nos chamará para saber si vale...
Domingo.
Pola mañá teño competición de atletismo e ó medio día, nada máis rematar, chamo a Xerardo para marchar a Cariño. Javier Torrón vaise achegar ó Xalo e despois virá.
Chegamos a Cariño e levanto a vela con dificultades. O vento está moi forte e por veces arrástrame hacia atrás. Sigo tentándoo, pois sei que unha vez no aire a cousa mellora sempre. Hoxe non vai ser diferente.
Nada máis despegar no cortado saio como un foguete hacia arriba: hoxe xa vexo que vai ser un bo día e o primeiro que me ven á cabeza é Marcos, que hoxe non vai poder vir a voar. Espéranme tres horas de voo, chegando a 500 metros e con ascendencias de +5 m/s e un frío de carall... e os de Coruña que lle din a Xerardo que se foron ó Xalo ou a Razo... e eso que os avisamos... Cariño con nordés forte vale a pena probalo aínda que esté lonxe (A San Andrés de Teixido vai de morto o que non vai de vivo, e San Andrés queda a un paso de Cariño).
Javier Torrón chega xa tarde e despega... vaille levar un rato pasarse á ladeira grande (cousa que finalmente consigue cando xa marcharamos Xerardo e máis eu).
Eu aterro despois de tres horas, coa vexiga a tope e aterido de frío, pero durante o voo estiven tentando pasarme á ladeira da esquerda con acelerador a tope, pero non chegaba por pouco, estiven por riba do espigón do porto, e un par de veces estiven tentado de tirarme para atrás , pero a posibilidade de aterrar nas praias de Ortigueira suporía unha volta en coche considerable e pola outra banda da ría os eucaliptos son abundantes e moi altos, así que finalmente quedo na ladeira. Cada día me tenta máis a posibilidade de facer distancia dende Cariño, pero os aterraxes non me convencen... haberá que facer unha prospección das posibilidades de aterrar na zona en caso de tentalo.
Pois nada máis... VUELAZO EN CARIÑO O DOMINGO, déixovos aquí o enlace á base de datos Leonardo, para ver os detalles do voo.
Resumo: Cariño con nordés forte é a pera marinera, e resulta a opción máis fiable para voar con esa orientación forte.
chuzame -