Mar 20 Mar 2007
Pois xa fai uns días que non escribimos nada no blogue, pero non será por non ter voado... Vaiamos por partes:
Empezo polo xoves... si, si, o xoves que tanto vento do nordés tivemos aquí un menda voou, aínda que me saiu caro o voo. Cóntovos.
O xoves, tendo en conta a previsión de vento do nordés bastante forte, decidín achegarme a Cariño, aínda que fora so.
Para os que non teñades voado en Cariño, trátase dunha zona de voo na que, entre outras, podes despegar dende un cortado na praia, con orientación nordés ou incluso teño voado picando un pouco de este, aínda que non resulta moi recomendable. Unha vez estás neste pequeno acantilado, tes que ir pola ladeira co estabilo rozando nos eucaliptos para poder chegar ó premio gordo, unha fantástica ladeira na que atopas un vento encarado e moi laminar e que se atopa á dereita.
O problema é chegar ó borde do acantilado coa vela levantada, pois o vento arrastrate, polo que non é un voo para dudas ou se non fas campa habitualmente, e despois está o de ir pegado ó borde por enriba do mar, aínda que en teoría podes voltar á praia se tes altura e a marea está baixa, pero... sempre pode xurdir un imprevisto. ( Hai que ver, non me extraña que me digan que sempre pinto moi mal os despegues e as aterraxes, pero é o que hai, que logo non quero que ninguén diga que non expliquei ben cómo era...)
Pois o dito, o outro día tiven que levantar e levar a vela de lado para chegar ó borde, para unha vez alí terminar de levanta-la e sair a voar, pero unha vez no aire, pese á velocidade do vento estábase estupendamente.
Outra cousa que non mencionei de Cariño é que alí se pode voar cando hai un ventarrón incríble (Xerardo ten voado con ventos no medidor meteorolóxico do monte de máis de 75 kmh) xa que é como se enriba da praia e do pobo de Cariño se formara unha burbulla que permitira voar), pero eu teño apreciado que isto me ocorreu cando non hai nubes, con ceos azuis, pois con nubes a vela non deixaba de moverse e facer pregadiñas e amagos, facendo case imposible despegar.
Pois este xoves... ceo azul, como moito algunha nube, e eu no aire a pasalo en grande, voando sobre Cariño, chegando ata a praia da dereita de todo, ata o espigón do porto, collendo altura sen problemas nin sobresaltos... vamos, estupendo, ata aterrei co acelerador ó lado do coche, ata que...
Nada, nada, non vos preocupedes que non tiven ningún accidente... só é que á volta, camiño do colexio para traballar, atopeime con un Garda Civil, que nunha rotonda "percibiu" (non foi o radar o que o percibiu) que entrara moi rápido e, aínda que non viña naide, me indicou con un recibo de 150 euros, que nas rotondas, aínda que non veña naide hai que case deterse antes de proseguir. Eu, por suposto, non estou de acordo e penso recurrila, e aínda que o Garda Civil foi moi educado, o que me fastidiou un pouco foron os 20 minutos que tardou en poñerme a multa buscando o que poñer nun regulamento, mentres tiña ós pequenos agardando na clase a que chegara... poucas cousas hai que me molesten máis que chegar a unha clase tarde.
Pero ata me atrevería a dicir que o voo valeu os 105 euros (si pagas antes dun mes fanche desconto)... bueno, 105 non, pero ó mellor 50 sí...
Premede aquí para ver o voo na base de datos Leonardo.
A partir de agora vou procurar poñer tódolos voos que poida nesta base de datos. Apréndese dos acertos e os fallos dos demáis, dos propios e promocionas as zonas de voo ne rede.
O venres repetiuse o dos ventos fortes, pero con nubes, así que cando, xa de camiño a Cariño, pero con coidadiño nas rotondas, non vaia ser, Javier Villalba me chamou e me dixo que viña a Ferrol a traballar no despegue que ten asignado para facer o mantemento e que traía a segadora, por se quería pasala no que me toca a min, inmediatamente dei a volta para aproveitar o tempo que puidera, xa que non me tiña moi boa pinta para voar.
En Ferrol temos cada grupo de pilotos un despegue asignado para facer o mantemento e mantelos nas mellores condición posibles... no meu caso teño a sorte de estar con Marcos e temos asignado San Cristóbal dende que se pasou o tractor e se quitaron os toxos que había antes. Agora mesmo está xa a empezar a aparecer a herbiña e esperamos que non saian moitos toxos. Javier fainos o "seguemento técnico", e xunto con Xerardo dinnos cando temos que pasar a segadora, cando botar os líquidos antitoxos (para non dar marcas, que non nos patrocinan) , etc e a verdade é que nos está a quedar un despegue chulísimo. Só nos falta poñer un bar nunha esquina e vender "polo de lima, para el niño y la niña"... e xa sería un despegue macanudo...
Pois o dito, o venres a currar, que unha vez o ano non fai dano... Nota: pensei en poñer o Gps mentras pasaba de lado a lado a segadora, pero pensei que despois habría chufas con que si iba moi despacio, coa velocidade máxima no traballo, etc, así que o final non hai track do curro... pero penso que houbo momentos nos que o vario marcaba +2 m/s, ou máis... menos mal que Javier tamén me botou unha man, que cansa o seu empurrar a segadora pola costiña...
Sábado: A VOAR A VILAÑÁN (Quiroga), que hai que empezar a curtirse na térmica no interior...
O sábado pola mañán tiña que ir de delegado de xuíces a unha carreira ás Pontes de García Rodríguez, así que o día anterior quedei con JavierTorrón de chamalo ó mediodía para ver se se podía voar en Montouto, unha ladeira de herba estupenda que hai por Vilalba, con orientación nordés, xa que él ía pasar por alí xa de mañanciña. O vento estaba moi pasado e decidimos ir ó interior a ver si estaba mellor en Triacastela ou en Quiroga... e acertamos de pleno indo a Quiroga, aínda que chegamos tarde.
Ó chegar atopamos que a xente estaba comenzando a despegar para evitar as horas de máis calor, xa que facía un día estupendo. Por alí andaban Ulises e Nancy, Marcos Chantada (que xa facía unha temporada que non vía por Inef), Lalo, Muras, Cedrón... Nós éramos Javier Torrón, Juan Carlos e Carol, e o que escribe, así que nos xuntamos unha boa tropa (perdón ós que esquezo ou cambio de nome, pero eu son un desastre para recordar nomes).
Ó chegar estivemos vendo cómo estaba o vento... tiña boa pinta, pero os que saían a voar e voltaban dicían que estaba bastante movidiño, así que fixeime media hora de marxe para observar, que xa me coñezo e se non o fago así ós 2 minutos xa estou a estirar a vela. Hai que ter sentidiño, que estou acostumbrado a voar na costa e non coñezo a zona, e si os locais din que está movidiño, pois estará... ademáis todo o mundo me di que non é o mismo voar na costa que no interior (a verdade é que as barrenas aceleran moito máis, pero polo demáis non lle vexo tanta diferencia, que cando te tirás para atrás en Ponzos para facer distancia segue a ser na costa e créeme que se move o seu).
Os últimos 15 minutos fixéronseme eternos, e paseinos observando cómo xiraba Cedrón (da gusto velo, non me extraña que Xerardo diga que é o mellor de Galicia) e cando o reloxo marcou a media hora xa estaba eu coa vela preparada e levantando. Nada máis sair comencei a subir suavemente e a encontrar térmicas moi fáciles de xirar, así que me fun pola ladeira por donde vira marchar a Cedrón e a Marcos, gañando altura... un sitio estupendo para voar éste de Quiroga. E non estaba tan duro como dicían, a verdade é que mellorara moito na media hora que estivemos agardando para sair, é máis, deberíamos ter saído un cuarto de hora antes, pero se se dice media hora, pois media hora (a próxima vez vai ser por fraccións, como nos garaxes subterráneos). Comuniqueille a Javier Torrón o ben que estaba, pero xa estaba colocando a vela a toda presa.
Para voltar, aproveitei que estaba na ladeira máis alto que Marcos e Lalo, que xa viñan de volta, (Lalo fórase conmigo pero, mentras eu me entretiña en xirar ata case o sotavento, él seguía e agora xa voltaba) e tiña intención de voltar polas térmicas que xa coñecía, aproveitando a ladeira, pero vendo que eles ían polo medio do val e que enriba dun pobo subían bastante, pensei -Son os locais e débese ir mellor por ahí - así que me tirei hacia o pobo, pero cando cheguei en lugar da térmica atopei unha descendencia e funme hundindo ata aterrar nun saliente con viñedos, prados e bosquiños, non moito espacio, pero suficiente para aterrar. Logo enteraríame por Marcos que él conseguira voltar porque Lalo lle chivara pola emisora o truco ( non pegarse alí á ladeira) pero eu ía na frecuencia que usamos en Ferrol (146.030) e eles na que usan alí (146.100) e non me enterei... un fallo, para outra vez non me vai voltar a ocurrir, nin o de pegarse á ladeira, nin o da emisora... e mira que antes de despegar o comentamos Javier e máis eu, e finalmente decidimos ir na frecuencia de sempre...
Podes ver o enlace do voo na base de datos Leonardo premendo aquí
De todas forma disfrutei a camiñata de volta polo val ata o aterraxe, ó lado da casa do alcalde... Quiroga é un sitio precioso aínda que vaias cargando co parapente ó lombo, e a xente deixa de facer os traballos que teñen entre mans para falar contigo, si ata me vacilou un velliño por ter aterrado onde non era
:-D
Aínda me deu tempo a volver a subir e facer un novo descenso, agarrándome ás poucas ascendencias que quedaban para aguantar un ratiño e, cando xa o sol se puxo tralos montes, barreniña e aterraxe... e, agora sí que notei diferencia co mar, CÓMO SE ACELERA A VELA NO INTERIOR Ó SER MENOS DENSO O AIRE QUE NO MAR. Soltei deseguida a vela, porque se me puxo coas bocas cara abaixo de seguida e a toda caña...
Preme aquí para ver o segundo voo.
Despois, un rato de charla no bar e de volta a Ferrol.
Domingo:
O domingo prometía voos en Ponzos, así que chamei a Patricia, unha amiga que vai facer un biplaza para contarlle que a previsión era boa e que Manuel Torrón estaba co biplaza en Ferrol. Só me preocupaban na previsión unha pequena posibilidade de auga ó mediodía, pero que debía pasar rápidamente antes de que ela chegara dende Ourense, deixando unha tarde de voo en ladeira que prometía, pero non foi así, e Patricia acabou facendo unha viaxe en balde... Moito me fastidiou, pero é o que ten o parapente, dependendo sempre do vento e o tempo. (Si hasta Javier Escobar, o druida do vento, o noso windgurú particular, que nunca se equivoca estaba alí para voar... Patricia, con todo o cariño, eres un pouco gafe... ;-))
Pola mañanciña, Manuel e Javier Torrón fixeron un par de biplazas xa que Manuel lle está a ensinar a pilotar o biplaza a seu irmán, e eu fixen un voo con aterraxe arriba, tiven que rascar na ladeira ó principio pero logo gañei altura por riba do aterraxe.
Despois fixen un descenso para levarlle unha vela a un alumno que estaba no aterraxe, e o vento comenzou a cruzarse, conforme indicaba a previsión, e comenzou a chispear, conforme indicaba a previsión, pero durou máis do que esperabamos, e con máis intensidade... e foi o momento en que chegou Patri. Estivemos esperando e desesperando tomando algo no bar, e como a cousa parecía que non melloraba e Patricia tiña que voltar a Ourense decidiu marchar. Acompañeina á rotonda para coller a autopista dirección Coruña e voltei a tomar un bocadillo cos outros. Como seguía a chover todos foron marchando, agás Manuel, Javier e máis eu... Cando rematei de comer o bocadillo achegámonos ó aterraxe a recoller a furgoneta de Javier e mentras falabamos comenzou a deixar de chover e a subir o vento... VENTO DO NORTE , ENCARADO E DE BOA INTENSIDADE, como indicaba a previsión, pero que chegaba con un par de horas de retraso. Manuel decidiu marchar que tiña un longo viaxe de volta a Pontevedra, e madrugara moito (Menos Fernando Alonso e máis voar... ;-)) pero Javier e máis eu decidimos quedar e probar.
Despegamos da praia sen perder de vista indicios no mar de que puidera subir o vento de golpe, pois xa tiña unha boa intensidade como para que subira máis, e falando de procurar non subir moito para poder aterrar rápidamente en caso de que subira.
E como todo o que espera ten o seu premio... PEGÁMONOS O VUELAZO DO DÍA. Subindo incluso por riba do mar, separados da ladeira, indo case ata o medio da praia, e con vento forte pero laminar.
Cando xa anoitecía, comezou a verse ó lexos no mar que o vento ía subir, e démonos conta de que subíramos máis do que debéramos coa emoción do voo, así que metín orellas e a baixar (Javier, aínda que estaba máis baixo, precisou de orellas e acelerador, pois coa vela máis lenta comezaba a ir para atrás). No primeiro intento Javier voltou a ascender ó achegarse á ladeira, así que decidiu ir á praia co acelerador, e eu aproveitei para meterme por detrás del e aterrar coas orellas metidas e metendo bandas B para tirar a vela.
Moi satisfeitos do voo e xa de noite fomos tomar algo quente ó bar, e ver o remate do partido de fútbol, mentras o irmán da dueña nos preguntaba si éramos nós os tolos que vira voando con ese vento e xa anoitecendo :-D.
Nada, o dito, Patricia, és un pouquiño gafe... só se deixou de voar cando chegaches ti e voltouse voar ó marchar...
É broma... xa virán mellores días para facer o biplaza, e espero que máis cerca, para que non teñas que facer un viaxe tan largo, (non vaia ser que sexas gafe de verdade e volva pasar o mesmo ;-)).
Ulises foi a voar o domingo en Quiroga e polo que teño oído colleron un día de sol bastante bon, non sei qué tal estaría de voos, pero imaxino que bon... como lle dixen pola mañá por teléfono de non ser porque estaba contando con que Patricia fixera o biplaza aquí tería ido, que teño que acostumbrarme a voar no interior e porque me quedou unha espiña cravada por non voltar e hundirme a media ladeira o sábado... pero xa caerá... que xa sei o truquiño.
Este mismo fin de semana Jesús Lugo estivo en Gistredo e, polo que leo no blogue de Sandruka, que tamén andivo por alí voando, colléronse 3000 metros... así que a tempada arrinca con forza por alí.
A VOAR Ó BIERZO EN CANTO POIDA... que aínda non sei o que son 3000 metros no vario.
A propósito Sandruka, fíxome moita gracia o vario "tuneado" Abeja Maya. Flower power por todas partes...
:-D
e os vídeos cada vez mellor... Non deixedes de visitar o blogue de Sandra.
Pois polo de agora nada máis, e a ver si escribides un pouco, que non costa cartos a tinta...
Un saudiño e bos ventos.
chuzame -