Febreiro 2007
Monthly Archive
Mer 28 Feb 2007
Posted by Diego under
Videos1 Comment
Dous Videos que me gustaron especialmente:
O primeiro pareceume interesante para recordarnos o importante que é estar atento a todo o que facemos xa dende antes de despegar... de mostra, un botón.
O segundo recordoume a Marcos o outro día...
é broma, Marcos... pero o vídeo é impresionante. E... ¿recoñeces a vela?
chuzame -
Mar 27 Feb 2007


O pasado domingo día 25 Ponzos agasallounos con un deses días os que hai que darlle un 10... 10 sobre 10.
Dende o venres estaba agardando ese día, xa as previsións amosaban a posibilidade de boas ascendencias (cola de frente) e do contrario teríamos ladeira. Contaba eu con voar en Esmelle, polo módulo e dirección que presentaba a previsión, pola mañá e pasar logo a Ponzos cando se puxera máis oeste e baixara a intensidade, e coa posibilidade de facer cross. Nembargantes xa amaneceu bastante noroeste así que alí nos presentamos ben cediño Javier Escobar e mais eu... os dous estabamos a seguir a predicción e sen falar entre nós alí andabamos, Javier no despegue superior e eu na praia disposto a enganchar altura desde abaixo.
Quedamos en agardar cada un no seu sitio e o que primeiro vira posibilidade de voar que o comunicara... ó cabo dun ratiño xa albisquei eu a posibilidade de despegar, e fixen a primeira tentativa. Vendo que xa empezaba a cousa a poñerse interesante aterrei para chamar a Javier e para cambiar os guantes (o último día que voara pasara frío e levaba uns máis grosos, pero resultábanme incómodos e decidín voltar ó malo coñecido, algo que máis tarde lamentaria), pero xa Javier, nada máis ver dende arriba a miña vela desplegarse, colleu o coche e baixou a toda presa, pois tiña que marchar traballar ó mediodía.
Foi chegando máis xente: Javier Villalba e Isabel. E comenzamos a voar co vento moi cruzado... eu estiven tentando coller altura no cortado antes de pasarme ó acantilado e divertíndome rascando o estabilo, pero Javier Escobar nada máis despegar iniciou as "hostilidades"
pasándose ó acantilado directamente co vento en cola e demostrando un gran coñecemento da zona. De segida o seguín e comenzamos a subir a unha voa velocidade debido as ascendencias provocadas no acantilado polo forte vento que había... os borregos no mar non engañan e comezabas a quedar enchinchetado ó gañar altura.
Tendo en conta a previsión, sabía que o vento tendía a baixar así que fun ascendendo ata poñerme sobre o monte e indo pola ladeira hacia o sur, sobre as casas e chegando ó val de Cobas, case sen ter que usar o acelerador, pero en todo momento moi despacio, e por momentos voando hacia atrás.
Durante este tempo seguiu chegando xente: Xerardo, Miguel, Javier Torrón e Jesús de Lugo, pero despegar desde abaixo estaba complicado e só Javier e máis eu seguimos a voar. Javier Torrón fixo un par de intentos pero acabou na praia e tiveron que agardar a que baixara o vento para despegar dende o despegue superior, no que a orientación era ideal pero bastante forte de intensidade. Eu xa no aire seguía a voar cando Javier aterrou polas obligacións laborais que o apremiaban, pero non conseguía ascender por riba dos 400 metros... era como si houbera unha tapa que non puidera sobrepasar... as ascendencias levábanme ata esa altura a boa velocidade pero ó chegar ós 400 m acabábanse, qué frustración.
Ós 400 m xa se notaba o frío, non só polo descenso de un grado por cada 100 m gañados, senón pola velocidade do vento, e xa empecei a lamentar o cambio de guantes.
As condicions de vento no despegue superior melloraban e Javier Torrón e Jesús subiron, Jesús despegou e quedamos a facer ladeira medio enchinchetados, eu xa levaba un bon rato e comezaba a aburrirme de ser chincheta, pola miña cabeza empezaba a pasar a idea de aterrar cando...
¿Quén dixo que en Ponzos non hai térmicas? ¿Ou e que non se consideran térmicas as que forman as nubes que corren hacia atrás dende Ponzos?. Jesús bastante máis adiante da ladeira comezou a ascender rápidamente e eu prepareime preto da ladeira... ésta vai ser boa!! agora sí que vou subir dos 400 m!!.
Preguntei ós de abaixo se alguén me iría a buscar si me tiraba hacia atrás e de seguida Xerardo me dixo que sí... nese momento comecei a ascender e cheguei ós 500 m aprox pero como me pareceu que a térmica era ampla e boa decidín seguila hacia o sotavento, sabendo que si a perdía o máis seguro sería que non puidera voltar á ladeira, pero como pasaba sobre o camiño seguín tranquilo, pois tiña posibilidades de aterrar... no segundo xiro PUFF a térmica desaparece e comezo a buscala polo sitio que cría que podía ir, o vento creo que me levou por diante pois seguía moi forte, e comezo a barallar a posibilidade de ter que aterrar no camiño máis en serio. Xerardo nese momento dime que ten que ir á casa a buscar un casco para Miguel e que si quero que tente facer distancia... - Xa estou de camiño - contesto e sigo coa búsqueda. Un par de veces cruzo a térmica pero non consigo centrala, debe estar moi tumbada polo vento, ata que á fin localizo o centro... non resulta difícil, nin sequera tería precisado o vario... un claro amago de plegada me indica a forte ascendencia dun lado, volto a por ela e comezo a ascender moi rápido. Comezo os xiros e xa comezo a intuir que non vai ser o tranquilo voo laminar de ladeira que ata o de agora estaba a facer.
O voo continúa cun continuo xogo do rato e o gato coas térmicas, pasando rápidamente de descendencias a fortes ascendencias dun modo moi brusco. Procuro voar vento en cola ata a seguinte térmica mentres busco e xa me vexo sobre o polígono no que aterrei da outra vez, pero perdendo rápidamente altura, non me preocupa xa que hai moitísimo espacio para aterrar, pero...
Perdo altura moi rápido e comezo a experimentar fortes hachazos da vela que me adelanta e se retrasa continuamente, pérdas de presión e movementos hacia todos lados... debo estar no sotavento do monte. Aínda que estou lonxe o vento é moi forte e a influencia do monte exténdese ata onde me atopo. Trato de controlar a vela mantendo o voo o máis recto posible para alonxarme do monte todo o que poida ata que unha forte ascendencia me retrasa a vela e me lanza a +4 m/s hacia arriba... ata me temblaron as orellas.
A térmica é moi forte e estreita e xirala resúltame moi complicado, metendo un lado na térmica e co outro fóra, os balanceos e movementos da vela son impresionantes.
É neste momento cando decido tentar chegar ó Coto de Ancos... ata agora con chegar ó polígono do pozo xa tiña bastante pero teño boa altura e Xerardo anímame dende a radio.

Estou a pasar as pistas de atletismo de Narón, e sigo ascendendo, con térmicas estreitas e fortes, pero agora xa non penso tanto nos movementos da vela, aínda que son máis fortes, e continuos os amagos de plegada, pero a Ozone Rush mantén a forma e só un par de veces tentou meter un pouquiño o estabilo, e agora estou máis concentrado en buscar alternativas de aterraxe por si acaso e calculando se poderei chegar ó coto de Ancos... pois CLARO QUE SÍ, estou altísimo e sigo a subir. Xerardo segue animándome e dándome consellos pola emisora e comezo a mirar o vario e ás nubes que se están a formar sobre a miña cabeza. Xa non me fan tanta gracia.
Grandes desarrollos que eu só pode vislumbrar pola oscuridade da base e polas ascendencias que xa acadan os +5 m/s... trato de escapar do centro da calle de nubes buscando "a tranquilidade dos +5", non quero experimentar as ascendencias do centro...
Xa levo máis de dúas horas e media no aire e case non noto os dedos das mans, lamento profundamente o cambio de guantes e miro o vario, estou a 700 m e o frío e considerable, máis que o frío a sensación térmica... sego a ascender e estou chegando ó coto de Ancos... vouno a pasar a 800 metros así que non ten sentido buscar o apoio da ladeira.
Os eólicos do monte das Louseiras son o seguinte punto, e as chemineas de AS Pontes de García Rodríguez levántanse por detrás... dúas calles de nubes pasan a cada lado nesa dirección.
¡Cántas veces lle teño oído dicir a Xerardo as ganas que tiña de facer ese voo! Durante todo o tempo iba pensando no que nos contaba que tiña pensado facer e ía repetíndoo, mentras él pola emisora tamén mo repetía, seguro que de non ser por todo iso non se me tería pasado pola cabeza tirarme a polo monte das Louseiras e tería aterrado no coto de Ancos.
Agora estaba lamentando non ter ido nunca a voar ás Louseiras, un voo no interior de noroeste, pero cun mal acceso... que ben me viría agora coñecer mellor a zona.
Vou perdendo rápidamente altura e estou xa na ladeira cos eólicos xirando por detrás, metido en continuas descendencias e buscando o alivio da ladeira, pero non o atopo... as calles de nubes van polos laterais, e suporían as ascendencias que preciso, pero a costa dunhos meneos que non sei se estou disposto a "disfrutar".
Non penetro así que descarto as aterraxes que vexo ó pe do monte, pois unha arboreda antes deles sería o punto no que creo máis fácil rematar.
Á miña esquerda vexo unha calle de nubes potente, pero por baixo só vexo árboles, e nada de aterraxes... á miña dereita, unha calle de nubes consistente pero non tan potente e, albricias, unha serie de pequenos campos en pendiente, rodeados de eucaliptos e tendidos eléctricos que a min se me antoxan os mellores aterraxes do mundo, e que están por detrás de min, co que resultaría fácil chegar ata eles, pero a costa de pasar un fondo val, co seu vénturi e aperda de altura correspondente.
As Pontes está detrás, se collo altura, cecáis poida chegar... só me separa unha zoa chá e logo hai baixada e campos de aterraxe... conozco a zona.
Opto polo seguro... os prados, o venturi, a calle menos potente... e as descendencias comezan.
Aterro sen sobresaltos nun campiño con costa, ó lado da autovía e da carretera vella de Pontes, ante a sorpresa dun rapaz que logo me dará as indicacións para que Xerardo me atope e me leve de volta, pero antes voto unha ollada hacia atrás, antes de que a cheminea da central térmica das Pontes se perda de vista tralos eucaliptos que rodean o campo, esbozo unha sonrisa e penso:
As Pontes xa queda máis preto...




Non me pesa a elección fácil... a dos campos e esquivando as fortes ascendencias... xa haberá máis oportunidades para aterrar nas Pontes, ou máis aló, e espero que a próxima vez non sexa en solitario e poidamos contar esta historia entre varios porque Ponzos vai seguir agasallándonos con días 10 como o do Domingo.
:-D
Pero o día non rematara, tras as case tres horas de voo, a falta de sensibilidade nos dedos, 19 km en liña recta, que a min se me antoxaban moitos máis
, 55 kms de voo, 800 metros de altura máxima, velocidades en tramos que rondaban, co vento en cola, os 60km/h, aínda estaba o vento a baixar, pero mantendo o voo laminar e as suaves ascendencias na ladeira de Ponzos.
Todos comenzaron a despegar mentras nós (Xerardo, Miguel e máis eu) pasábamos por casa de Xerardo a buscar un casco e unhas "orellas", que estaban boísimas e sabían a gloria.
A tarde apenas comenzara e a previsión estábase a cumplir cun rápido descenso da velocidade do vento pero manténdose na marxe ideal de voo. Javier Villalba, Javier Torrón, Jesús, Damián e máis eu desfrutamos de voos suaves con aterraxe arriba, mentres Xerardo quedaba na praia facendo "saltos de galiña" con Miguel, e xa cando o sol comezaba a descender, Miguel fixo...
OS SEUS DOUS PRIMEIROS SALTOS DE ALTURA.
NORABOA!!!
XA TEMOS OUTRO PARAPENTISTA POR FERROL!!!
En breve... botella de champán para celebralo e vídeo conmemorativo do voo neste blog.
Rematamos o día tomando uns chocolates quentiños, (bueno non era chocolate, pero como non nos patrocina a coñecida marca de cacao, pois non digo a marca) que o frío foi moito...
Pois nada máis... só quedaba facer reconto cos demáis do día e chamar a Marcos por teléfono para chinchalo
contándolle o ben que se voara, o moito que voamos todos, cantísima altura colléramos... vamos, o típico para poñerlle os dentes largos, que o pobre tiña que estar en Santiago e como moi ben dixo él mesmo:
- ¿¿Qué pasa eu son a avestruz??... ¿¿a única ave que non voa??
Pois sí... porque Miguel xa anda tamén polos aires.
Noraboa outra vez a Miguel e recorda que "unha vez que teñas estado no ceo só o mirarás desexando voltar".
Síntoo, Miguel, pero xa estás enganchado...
:-D
Base de datos de voos Leonardo
chuzame -
Mer 21 Feb 2007
O martes en Ponzos houbo momentos de moito vento. Estaba listo para despegar, esperando un ciclo máis baixo. Javi Torrón me leía en alto as lecturas do anemómetro: 31, 35, 39, 35, 28... a vela se enredaba sobre sí mesma, pero como xa a preinflara antes non lle din importancia.
Cando sentín o momento, levantei a miña vela sol, e descubrín unha ramiña que aprisionaba varios cordinos, desde as A hasta as C, cerca do intradós. Dinlle un tirón aos cordinos exteriore B e C e en vez de mellorar a situación, empeorou, porque con esa maniobra perdín terreo e me acheguei á parte superior do despegue. A vela me levantou e tiraba hacia atrás e a dereita.
Por falta de concentración, reaccionei mal e din un par de tirons ao freno. Xa estaba no aire e desplazándome cara atrás e a dereita. Cerca do sotavento e co acelerador casi a tope non conseguía penetrar, e a vela seguía derivándome hacia a dereita. Dende abaixo me dicen que non estaba moi liada, pero a sensación miña era outra. De feito despois de aterrar, a rama seguía ben enredada.
Tentei derivar hacia o mar, e parecía que podría pasar por riba do despegue nordés, pero unha descendencia meteume no rotor. Tiven algunhas plegadas, nada violentas, pero que me facían baixar máis do debido. Din volta e en cola me separei do despegue, moi por debaixo do mesmo. Localicei un prado, orellas e oitos cerrados, a aterrei sen problema...Menos mal.
Os consellos de Xerardo durante todo o rato me tranquilizaron moito. Me falaba con tono reposado. Pena que non entendín rápido que me pedía que me fora en cola ao monte de atrás. Por eso tuven que apañar as plegadas.
Miñas conclusións:
1-Nun despegue con vento forte, non podo relaxarme a esperar o momento de levantar, senón o que facer despois . (Se tirara a vela abaixo en vez de conear coa rama non pasaría nada, quizais unha cuada)
2- A campa é fundamental. A ela débolle que as plegadas non foran un problema e a que me fora posible aterrar nun campo en pendiente con orellas e casi en rotor.
3- Asumo o meu erro, me preocupa e o terei presente.
Por certo Diego, no seguinte descenso que fixen, a frenos libres a Advance epsilon 5 e miña Ellus 2 iban a misma velocidade. Cada cousa no seu sitio.
chuzame -
Mer 21 Feb 2007
¿Podes sobrevivir tirándote dun avión a 3600 metros de altura e sen que se abra o paracaídas? ¿Ou sendo absorvido por un cumulonimbo ata os 9900 metros de altura, con -50º C e saraiba como puños e raios ó teu arredor? Pois polo visto... SI.
Preme aquí para ver a historia de Ewa Wisnierska e Michael Holmes.
Noticia de Ewa Wisnierska en Sport.es
chuzame -
Mer 21 Feb 2007
Tras unha fin de semana repleta de competicións de atletismo que me impediron acercarme ó Carnaval de parapentes de Oia a voar, o domingo pola tarde puiden ir a Ponzos a facer un par de descensos. Por alí andaban tamén Javier Escobar, Salva e Avelino. Os dous primeiros foron os máis madrugadores e os máis afortunados, xa que polo que contaron puideron facer un par de voos con aterraxe arriba, mentres que os demais tivemos que conformarnos con descensos, xa que as condicións non daban pra máis.
O luns: auga e vento de máis.
E hoxe, aproveitando a cola do temporal, contábamos con facer uns maravillosos voos dos que ás veces nos fai disfrutar Ponzos... mais non foi así.
Empezamos a xornada Marcos, Javier Villalba e mais eu en Esmelle con un pouco de campa e un par de voos, esperando a que baixara un pouco o vento e poder subir ó despegue de Ponzos. Pero he aquí que cando baixou, baixou de máis, e alá nos fomos todos embaixo pensando que xa se tiña fastidiado o día... todos? NON. Un pequeno grupo de irreductibles coruñeses permaneceu á espera de mellores condicións... por alá por Coruña non deben de gustar dos descensos
aquí en Ferrol non lle facemos ascos a nada... non deixes para mañá o que poidas voar hoxe
pero as condicións comezaron a mellorar e, a toda presa, voltamos ó despegue.
Cando chegamos, xa Avelino e Vicente, os irreductibles coruñeses, tiñan unha altura considerable e o vento subía a gran velocidade, así que Javier Escobar e mais eu apresurámonos a desplegar e despegar, non sin un pequeno traspés pola miña parte con plegada frontal incluida no despegue na primeira tentativa. Na segunda, xa con máis tino, despegoume o vento de espaldas e xa saín enchinchetado e usando acelerador para despegarme da ladeira e non rematar no sotavento. Enganaba bastante, porque enseguida collías altura aumentaba considerablemente a velocidade do vento.
A tónica xeral do voo foi estar enchinchetado, certo é que sen usar o acelerador, xa que non me gusta demasiado dende que tiven a plegada con acelerador a tope, e porque en canto comezaba a usalo os meneos eran considerables, e si vou para diante sen usalo, aínda que sexa a 3kmh pois mellor que mellor... e o frío intenso, cando aterrei case non sentía as mans (terei que usar uns guantes máis grosos a próxima vez).
O voo xa comezaba a aburrirme, sinceramente non sei cómo lle pode gustar tanto a Javier Escobar estar enchinchetado en ventos fortes (Javier é , sen dúbida, a persona con máis paciencia para voar nestes casos e téñoo visto despegar con ventos cos que Marcos e eu quedamos mirando cómo o meneaban as rachas) polo que me dispoñía a aterrar usando o acelerador para chegar á aterraxe.
Pero nese momento chega Xerardo para que o informe de a ver qué fago aló embaixo facendo a aproximación... pois nada si o profe di que hai que coller altura, hai que collela, pero mira que me costou reenganchar a ladeira co vento do oeste... aproveitando as ascendencias xeradas polas árbores e case rozándoas. Un par de veces as vin máis cerca do que me apetecía e xa me vía aterrando no camiño de baixada, cando, despois de moito traballar, consigo recuperar a ladeira e comezo a ascender... xa estaba oíndo as felicitacións dos compañeiros de voo polo ben que traballara rascando na ladeira durante tanto rato cando despega Marcos...
si é que hai que ver o que fai para roubarme protagonismo...QUE NON ESTABA DÍA DE FACER DISTANCIA!!! NIN ACROBACIA!!!
Os que sabedes do que falo estaredes a botar unhas risas, e os que non, teredes que agardar a que él entre no blog e o conte, se quere, porque para iso é o protagonista.
Pero teño que dicir que é o que teñen as velas Pentium-3 de Sol, que non son Ozone...
:-))
Para rematar dicir, que tivemos que aterrar os catro que estabamos no aire ante a pavorosa visión dunha "pequena" nube con "pequenos" desarrollos verticais e choiva, precedida de aumentos do vento que se achegaba a nós.
Os datos do voo segundo o Gps: 1 hora de voo, velocidade media de 10 kmh, distancia recorrida 10 km e altura sobre o despegue de aprox 150m, vamos, que non foi precisamente un voo de distancia, máis ben de resistencia.
Nada máis pasar novo descenso do vento, acompañado de novos descensos dos parapentistas.
Ó final foi un día agradable de voos movidiños no que nos xuntamos en Ponzos Avelino, Vicente, Javier ó cubo (Escobar, Villaba e Torrón) Marcos, Damián, Xerardo, aínda en recuperación dando un tranquilo paseo que ó final non foi tanto, pero que aínda non pode voar, e mais o que escribe.
chuzame -
Ven 16 Feb 2007
Hoxe voltei a ter sorte co famoso "timing" e collín o momento de voar, antes de que comenzara a chover e xusto cando estaba a baixar de intensidade e poñéndose nordés.
O primeiro voo foi en Monte Ventoso, con aterraxe arriba incluida, un pouco chapucera, eso sí, pero arriba. As condicións non parecían moi boas pero en canto despeguei a cousa mellorou... un voo moi movido, con continuas subidas e baixadas, abatidas... vamos , entretidiño andiven.
Como parecía estar poñéndose norte pensei na posibilidade de voar en Ponzos dende abaixo, así que alá marchei, pero ó chegar... nordés total. Un momentiño que se encarou un pouco aproveitei para despegar e ir polo acantilado rascando estabilo e volvendo case vento en cola mangado, procuraba non chegar ata o final do acantilado para evitar os rotores do monteciño, pero sempre se notaba unhas lixeiras perdas de presón, fáciles de compensar pero... o que avisa non é traidor así que decidín aterrar e voltar a Monte Ventoso.
Comenzou a chuviñar así que decidín pasar por Ferrol a comer algo pero de camiño cruceime con Marcos que ía todo apurado para poder voar... ese "timing"
está fallando, Marcos.
E como son un home de pouca vontade alá me volvín con Marcos para facer un último descenso aínda que estaba xa bastante cruzado.
Agora sólo falta ver a previsión para a fin de semana... aínda que eu só poderei voar o Domingo pola tarde debido a outros compromisos previos.
Unha última cousa: a tódolos que se desplacen a Oia este fin de semana moi bos voos e coidado coa laconada e os disfraces, que moita troula pode ser perxudicial para a saúde
Si bebes non pilotes, a ver si vas a xirar térmicas e acabas mareado.
chuzame -
Xov 15 Feb 2007

Ponzos é, sen dúbida, o mellor lugar de Ferrol para iniciarse ó parapente... alí fixemos case todos o noso primeiro voo "unplugged"
é dicir, sen que nos foran dicindo o que facer. Esto débese o seu amplo aterraxe con posibilidade de ir á praia, ó magnífico despegue, a que en todo momento o instructor está vendo ó alumno, tanto dende o despegue como dende a aterraxe e ás condicions tranquilas de voo que se soen dar nesta zona.
A súa orientación ideal é Oeste-noroeste para o despegue superior, e de norte para o inferior, aínda que en determinadas condicions se pode voar tamén con norte-nordeste.
Ademáis hai que destacar a posibilidade de despegar dende a praia e ir progresivamente collendo altura aproveitando o acantilado da dereita da praia de Ponzos, con vento encarado do norte un pouco forte.
Os días bos tamén se poden facer humildes intentos, humildes polo de agora, co tempo serán meirandes, de facer voos de distancia.
As vistas e a paisaxe que se pode disfrutar dende o despegue xa xustifican unha visita a este despegue, aínda que non poidamos voar, ou para acompañantes dos parapentistas.

chuzame -
Mer 14 Feb 2007
Pois hoxe tivemos un bo día de voo en Esmelle, para os que non tiñan que andar coa novia, que para algo era o Día dos namorados...
Ata o mediodía estivo simplemente estupendo. Cheguei sobre as 12:15 - 12:30 e estiven voando ata as 3:15, momento no que moi ó meu pesar tiven que recoller para cumprir coas miñas obrigas como adestrador. Só aterrei para permitir un par de voos a Javier Escobar, que hoxe estivo practicando despegues, e de non ser por iso tería pasado 3 horas no aire.
Despois acercouse Marcos a voar e xa estaba a cambiar a sudoeste para San Cristóbal, pero ó final Marcos quedou sen voar... mágoa
non sempre hai sorte
Hai que saber aproveitar o "Timing" (Estar no lugar adecuado no momento adecuado)
En canto ó meu voo (vou aproveitar para poñervos os dentes largos): hoxe foi un deses días que se colle altura en Esmelle (con dicir que facía wing overs sobre o acantilado...) e, ó principio sobre todo, había bastante cancha para aproveitar, rendía bastante treito... tendo en conta que se trata de Esmelle.
Resumindo: Cada vez máis, Esmelle estase a converter no meu sitio favorito de voo... pese ó que digades de que é un sitio moi pequeno (certo) no que apenas se colle altura (altura suficiente para pasa-lo ben) pero por contra non son necesarios remontes e pásase en grande rascando.
A ver se se repite o fin de semana ou, mellor aínda, voamos nalgún outro sitio.

chuzame -
Mer 14 Feb 2007

Situada na entrada da ría de Ferrol, esta zona de voo ten orientación sudoeste. Nesta zona podemos realizar fantásticos voos de ladeira coa seguridade de que si aumenta o vento dispondremos dunha amplia zona de aterraxe por detrás do despegue.
As vistas son espectaculares: da entrada da ría de Ferrol co porto exterior, vistas dende a lonxanía de Coruña e, collendo un pouco de altura, da zona interior da ría e a praia de Doniños.
As aterraxes de abaixo son o suficientemente amplas pero o habitual é volver a aterrar arriba, dado que se trata dunha ladeira de gran rendemento.


chuzame -
Mar 13 Feb 2007

Esmelle é unha pequena ladeira para voar con Oeste-Sudoeste na praia do mesmo nome. O habitual é aterrar no mesmo sitio onde despegamos, pero tamén se pode aterrar na praia que está ó pé... precaución, xa que con marea alta podemos despistarnos e mollar os pés
Para voar en Esmelle precísase de vento forte e ben encarado, xa que non se acada altura, e é por isto que é o lugar elexido polos parapentistas de Ferrol para voar cando o vento está moi forte en San Cristóbal ou en Ponzos, ou cando a orientación é intermedia para estes dous lugares.
Cando o vento baixa en Esmelle, ás veces queda un día estupendo para voar en Cabo Prior, no que se precisa dun vento menor e dunha orientación Oeste ou Oeste-Noroeste.
Esmelle non é un lugar apto para principiantes, o voo que alí se fai require de precisión e resulta moi habitual voar rascando co acantilado.

chuzame -
Next Page »